Libro
Resumen:
“A-Z” de Xesús Fraga é un xeito de guía sentimental de Londres, escrita dende o punto de vista dun fillo dos emigrantes de Untia, un libro protagonizado por londinienses, sexan accidentais ou vocacionais. Un monllo de relatos, de grande unidade temática, que constitúen “faragullas de lembranzas”, memoria vivificada do traballo dos emigrantes galegos que hai trinta e cinco anos viaxaron a capital británica. Para Xesús Fraga “Londres é unha gran aldea formada por outras máis cativas, non necesariamente coincidentes xeograficamente sobre o plano dun A-Z, na que os galegos son unha máis das moitas tribos que viven ó norte e ó sur do Témese. É unha aldea na que un galego comparte a cociña dun hospital con portugueses e polacos, os veciños da escaleira son colombianos e o home que vive coa amiga da mesma vila e coa que empezou a emigración é paquistaní ou exipcio”. Así por este fermoso libro pasan os emigrantes que cada tarde de domingo len o seu país nas árbores dos xardíns de Kensington ou comproban o anuncio da primavera na presencia dos estalotes, alí “luvas do raposo”, ou nas festas do globo de papel que organizan ás beiras do Lago de Serpentine. Un libro que desenvolve historias ou acontecementos vividos ou imaxinados sobre o plano, ese A-Z indispensable para guiarse nunha cidade de sete millóns de habitantes. Historias como as de Faustino Caínzos, un emigrante accidental, un carterista que debeu fuxir de Untia por mor dunha vella beata que o descubriu na romaría de San Xoán ...